José de Castro Arines, un crítico esquecido

Onte daba por finalizado o centenario do nacemento do artista e crítico de arte José de Castro Arines. Galego de nacemento e madrileño de adopción, a súa figura é moi pouco coñecida. Tanto que no seu aniversario non houbo ningún acto de lembranza, nin en Galicia nin en Madrid.

José de Castro Arines naceu o 15 de maio de 1911 en Tui. Fillo de ferroviarios, foi o maior de sete irmáns, e o único da prole que ven ao mundo nesa vila, pois o avó materno era representante da MZOV* para Portugal e a familia tiña fixada alí a súa residencia. Porén, por mor dos destinos do seu proxenitor, a súa infancia transcorreu entre Redondela e Ourense.

Estudou bacharelato en Pontevedra, onde un dos seus profesores foi Castelao, mestre auxiliar de debuxo no instituto da cidade do Lérez desde 1916. Malia a diferenza de idade, Castro Arines iniciou unha amizade co ilustre rianxeiro, quen o asesorou nos inicios da súa creación artística. Co seu mestre e amigo integrouse no mundo da bohemia e do galeguismo, chegando a ser en 1936 director da revista Guieiro da Federación de Mocidades Galeguistas do Partido Galeguista. Co paso dos anos, o círculo de relacións foise ampliando con autores como Torrente Ballester, Luís Seoane ou Isaac Díaz Pardo. Con este último, ademais de escribir La Cerámica de Arcadio Blasco, participou en 1932 na mostra colectiva da Agrupación Ultreya en Santiago e en numerosas conferencias, como as impartidas nas Galerías Sargadelos.

Tralo bacharelato, trasladouse a Santiago para estudar Filosofía e Letras; estudos que rematou na Complutense de Madrid e complementou nas escola oficiais madrileñas de Xornalismo e de Artes Gráficas.

Bolseiro da Deputación Provincial de Pontevedra e da Fundación Juan March, foi profesor invitado na Universidade Internacional Menéndez Pelayo. Porén, a súa traxectoria laboral comezara no Instituto Nacional de Estatística, entregándose máis tarde á crítica de arte e á escenografía.

Fundador da Asociación Española de Críticos de Arte, tamén foi membro numerario da Asociación Internacional de Críticos de Arte e da Comisión de Artes Plásticas da Dirección General de Bellas Artes. Ademais, foi académico correspondente de Belas Artes e non numerario da Real Academia Galega da lingua.

Como crítico, foi correspondente de arte en El Alcázar de Madrid, no Diario de Barcelona, en Les Nouvelles Litéraries, na revista Arte y Letras e, durante máis de tres décadas, responsable da sección de arte, “contador artístico”, como el mesmo dicía, do diario Informaciones. Foi neste medio no que eloxiou en 1954, con motivo dunha exposición, a obra do artista vasco Eduardo Chillida, un recoñecemento temperán e visionario para a época.

Castro Arines (esq.) co arquitecto Félix Candela

Pero á crítica hai que engadir a publicación de varias obras de creación literaria e artística. Así, en 1959 foi galardoado co Premio da Crítica do Colexio de Arquitectos de Madrid; en 1961 recibiu o de Teatro do Ateneo de Madrid, e ao ano seguinte o Nacional de Literatura, dotado con 10.000 pesetas, por “Cuatro artículos sobre Arte”.

Entre as súas obras, podemos destacar varias monografías centradas en artistas como María Droc, Victoria de la Fuente, Goya ou Luís Seoane; ou estudos como O Libro das galería galegas; o Anuario del arte español, El arte abstracto ou Arquitectura Española en el extranjero, xunto con Adolfo González Amézqueta e Bernardo Ynzenga. Ademais, estudou a obra de varias mulleres pintoras galegas como Maruja Mallo, Ana Legido, María Formoso ou Mercedes Ruibal.

Cunha vida centrada na arte e no xornalismo, José de Castro Arines falece en Madrid despois dunha dura enfermidade o 16 de novembro de 1997. Na actualidade, o Museo Reina Sofía custodia parte do seu fondo de crítica de arte doado pola familia.

* Compañía de los Ferrocarriles de Medina del Campo a Zamora y de Orense a Vigo

A Mercedes e Mari Carmen

Publicado en Homenaxes | Deja un comentario

Bolos celtas

Despois da presentación hai uns meses dos bolos do Soldón do Courel, damos a coñecer hoxe unha nova tipoloxía: os birlos celtas. O xogo foi recollido en 2006 no concello pontevedrés de Soutomaior, no barrio do Val-O Sobral.

A carreira é o nome co que se coñece o campo de xogo. Posúe forma circular, prolongándose por un lado; é aí onde se sitúa a cova. Nesta última, un buraco non moi fondo, é desde onde tiran os/as xogadores. Diante da cova disponse a pedra boleira, unha lousa cunhas pequenas incisións que facilitan o apoio dos 9 birlos.

O obxectivo do xogo é o de tentar que o maior número de birlos, xunto coa bóla, pasen a liña de fondo da carreira. Esta, denominada foxo, sitúase a 11 metros desde o punto de tirada, en liña recta co bolo central. Cada birlo que pasa do foxo vale 10 puntos, mentres que os que fican dentro, 1. Se a bóla non atravesa a liña, a tirada non puntúa.

A lingua tamén xoga: cando o/a tirador/a non lle dá a ningún bolo, a xogada coñécese como toureira; e se ningunha peza pasa do foxo, esfachicada.

Os nosos agradecementos a Luís
Publicado en Xogos | 1 comentario

A Isaac Díaz Pardo

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2011.

Hoxe vou comer no Yunque, onde estivo a mítica ferraxería co mesmo nome da familia Bernal. Non había moito sitio, e tócanos a mesa da ventá, algo así como comer nun escaparate! Pasa a xente pola rúa e sabe de primeira man o menú do día, a túa escolla para primeiro, que tomas de sobremesa e se pides cortado ou con leite. Non me gusta nada esa mesa!

Só que, ao final, acabas rexoubando ti máis da xente que pasa do que esa xente se fixa en ti. E, estando nesas, véxoo asomar, polo marco da xanela. Aí o ven, Isaac, do brazo cunha moza. Eu levaba tempo querendo contactar con el, sen ousar dar o paso. Coa forza que dan os imprevistos, e a compaña, salgo ás carreiras.

Busto de Isaac no Camiño Inglés

Busto de Isaac no Camiño Inglés

- Ola, podería falar un momento con vostede?
– Fala, muller.

- E que me gustaría quedar un día para conversar sobre José de Castro Arines.
– Home, nada menos que Pepe, o meu grande amigo!

- Seino; son sobriña del e quería que me contara da súa vida.

E, como bo galego, resposta co famoso etidequenvéssendo:

- E sobriña, por parte de quen?
– Por parte da miña nai.

- Pois cando queiras. Agora vivo en Sada. Anota o meu número de teléfono e quedamos.

Seguimos a latricar un anaco. Porén, estabamos no cruce das Orfas co Cantón do Toural e comezan a deterse máis coñecidos. Despídome ás presas e quedo de visitalo en Sada.

Pero os días foron pasando e aínda me faltaba moita información sobre o meu tío Pepe; e quería estar ben documentada antes de ir falar con Isaac. Tanto me documentei, que a día de hoxe non tivemos esa conversa sobre ese seu grande amigo que algo me tocaba na familia.

Hai uns días vin na prensa a nova de que se recupera dunha recente neumonía. Pero hoxe informan do seu pasamento.

Por iso, finalmente, a necrolóxica que eu quería escribir sobre Pepe vese agora transformada nunha homenaxe a Isaac, un home bo e xeneroso, sempre disposto a recuperar a memoria daquelas persoas que compartiron con el a “Longa Noite de Pedra”.

Grazas aos tres grandes amigos que tanto loitaron e nos aportaron: Pepe, Seoane e Isaac. “Isaac non porque sexa xudeu, senón polo meu padriño Isaac Fraga, o empresario de cine”.

E todo o noso cariño a Mimina.

Carmela Sánchez Arines
Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2012
Publicado en Homenaxes | 1 comentario

Itineario Iconográfico Aser Seara

Etnoga ven de publicar xunto coa Fundación Aser Seara , a través do Museo Iconográfico de Arte Sacra (MIAS), o seu último produto divulgativo. Trátase dun itinerario cuxo obxectivo é o de amosar imaxinaría fóra das paredes do centro museístico. O percorrido achéganos ás terras ourensás do río Arnoia, en concreto aos concellos de Allariz, onde se localiza a sede do MIAS, e a Xunqueira de Ambía. O motivo da elección destas dúas zonas ven motivada por ser o lugar de nacemento e de traballo do carpinteiro e imaxineiro Emilio Seara, devanceiro do presidente da Fundación.

A web do proxecto, desenvolvida integramente con software libre, utiliza Google Maps para representar xeograficamente os diferentes puntos que forman a ruta. A través de cada un deles, e premendo nos mesmos, podemos acceder aos datos básicos relativos á denominación, localización, descrición e imaxe destacada. Complementariamente, pódese descargar información histórica de cada ben en pdf, preparada para imprimir, ou un arquivo kml para visualizar en Google Earth. A plataforma tamén permite, no seu caso, escoitar e descargar audioguías para os puntos máis significativos. Por último, cando a localización do punto é complexa, está dispoñible o track para gps, coas indicacións precisas de como chegar.

Na ruta ofertada invítase a ver un total de 12 igrexas e 11 capelas de ambos concellos, con salientables obras arquitectónicas como as dúas localizadas en Santa Mariña de Augas Santas, a de San Martiño de Pazó ou as do propio núcleo de Xunqueira de Ambía, entre outras moitas.


Descargar o folleto informativo.

Publicado en Traballos | Comentarios desactivados