Rutas cicloturísticas

No presente outono de 2011, comezamos a desenvolver na Costa da Morte un novo servizo turístico: o cicloturismo.  Á práctica de facer turismo en bicicleta de montaña (BTT), etnoga engádelle o deseño e a creación de rutas temáticas. Inclúense, ademais, os materiais divulgativos, con información de interese sobre os elementos destacados a ver e o percorrido marcado nun mapa; a sinalización física e o track do itinerario para descargas. Unha nova proposta de custo reducido con diferentes modalidades e niveis de dificultade. Grazas á mesma, foméntanse hábitos de vida saudables a través dun deporte non contaminante nin agresivo co medio.

     

Publicado en Traballos | Comentarios desactivados

Sobreiral de Magán (Cuntis)

No DOG de hoxe, 13 de outubro de 2011, a Consellería do Medio Rural publica a actualización do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras. Ademais dunha corentena de novos exemplares individuais, inclúense 10 formacións vexetais. Entre estas últimas atópase o Sobreiral de Magán (Estacas – Cuntis), declaración cuxa solicitude foi cursada mentres traballábamos para a Comunidade de Montes do lugar.

Publicado en Noticias | Comentarios desactivados

Onomástica en Barcelona

O pasado venres, 9 de setembro de 2011, rematou en Barcelona o XXIV Congreso Internacional de ICOS* sobre Ciencias Onomásticas. Creado en 1938 e con celebracións periódicas desde 1947, o tema xeral de referencia na presente edición foi o dos Nomes na vida cotiá.

ICOS reuniu a máis de 500 profesionais, académicos, estudosos e interesados en onomástica de todo o mundo, procedentes duns 50 países. Xunto coas comunicacións presentadas, entre as que houbo numerosa participación galega, contouse cunha exposición a través da que se amosou a riqueza e a diversidade das publicacións sobre onomástica. Así, entre a multitude de libros expostos, sobresaíu na mostra o noso xogo sobre a toponimia do concello de Santiago “Atopando Compostela”.

O xogo na exposición

O xogo na exposición Foto: V. Feijoo

* International Council of Onomastic Sciences

Publicado en Traballos | 3 comentarios

Rutas dos Oficios do Mar

Fisterra conta desde o presente mes de agosto con tres novos itinerarios turísticos creados por etnoga. Incluídos dentro do programa Fisterra, pescando onde o solpor, as rutas serán xestionadas e guiadas polo persoal do Museo da Pesca, sito no Castelo de San Carlos. Co fío condutor dos oficios do mar, a primeira delas é da Lonxa Turística, un paseo que nos achega ao centro da vila e a diversas casas singular e “choios”, chabolos, dos pescadores. Co Roteiro do Almacén poderanse coñecer tamén os restos de antigas fábricas de salga e unha vixía que axudaba a entrar aos barcos na ría. Por último, no Roteiro da Nosa Señora das Areas, percórrese o sur de Fisterra cara ao faro, con afamados elementos naturais que funcionaban como sinais pétreos e os restos dun secadoiro de Congro e dunha estación radiotelegráfica.

Publicado en Traballos | Comentarios desactivados