Central Hidroeléctrica do Tambre (Noia)

A Central Hidroeléctrica do río Tambre érguese na parroquia noiesa de Santa María de Roo, nun lugar no que os monxes cistercienses de San Xusto de Toxosoutos, dependentes de Sobrado, posuían no século XVI unhas pesqueiras para abastecerse de peixe fresco. A construción, iniciada en 1924 segundo o proxecto de Antonio Palacios, realízase grazas ao encargo da «Sociedad General Gallega de Electricidad».

A «Sociedad General Gallega de Electricidad» creárase en Madrid o 21 de abril de 1900 cun capital social de dous millóns de pesetas co obxectivo de explotar os saltos de Segade (Caldas de Reis) e da Fervenza do Belelle (Fene). No ano 1930 fúndase coa «Fábrica Coruñesa de Gas y Electricidad», e dous anos máis tarde nomean conselleiro a Pedro Barrié de la Maza. Anos despois, un 23 de agosto de 1943, Barrié crea «Fuerzas Eléctricas del Noroeste», cun capital de vinte e cinco millóns de pesetas. Será a finais de 1955 cando a nova Fenosa absorba á «Sociedad General Gallega de Electricidad».

A central, propiedade de Unión Fenosa, forma parte dun conxunto de edificacións entre as que destacan a Escola de Cornoás, a Cámara de Carga, a Casa do Xefe e a dos Mestres, todas estas destinadas na actualidade ao turismo rural. Todas as construcións baséanse nunha linguaxe historicista con fondo románico, destacando a arquitectura da propia central por asemellarse máis a un templo relixioso que a unha nave industrial.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *