Patrimonio desprotexido, patrimonio perdido.

Nunha vila cunha historia tan recente como a da Estrada é un luxo que se conserven casas do primeiro cuarto do século XX e incluso de finais do XIX. Moitas están diseminadas entre grandes moles, aínda que hai varias conxuntos de interese en rúas como a San Paio e a Calvo Sotelo-Ulla. Son vivendas unifamiliares que naceron a carón dunha importante vía de comunicación, neste caso a de Santiago e a de Carril – Pontevedra.

Cun largo de entre dous e catro vans, sobresaen as casas de planta baixa cunha ou dúas alturas e ventás de aire, balcóns ou galerías. Era frecuente que o baixo se destinase a local comercial e que tiveran unha pequena horta na parte traseira.

Entre as máis antigas das que se coñece a data están a de José Trigo (Silva Paramá), de 1876 e ampliada un século despois, na esquina da praza da Farola coa rúa Peregrina; a da familia de Virxinia Pereira, en cuxo baixo estivo a ferretaría Parrondo, de 1889 aínda que con permiso municipal de 1905, hoxe totalmente reformada; ou a da casa de comidas Modesto que antes albergara a mítica pensión de Mato, onde durmía Castelao nas súas visitas á Estrada, no número 11 da rúa San Paio. Malia ser de 1890 e destacar por non ter sido mal reformada nin ampliada, o seu estado de abandono é preocupante.

Por desgraza, cada día son máis as casas que se ven deshabitadas, e en venda, no centro da vila. Casas que van esmorecendo e que logo se declaran en ruína. Un mal, o da da declaración de ruína -en moitas ocasións buscado- ao que neste concello habería que engadir o do pésimo e deficiente catálogo do PXOM.


Nº 27 de Calvo Sotelo en 2008

Así, por unha banda, poderiamos falar das casas que están inventariadas pero ás que se lle permite facerlle «de todo», sempre que conserven a fachada. Entre as obras permitidas incluso está a adición de plantas! É o caso, por exemplo, do que pretenden facer no edificio do antigo instituto da rúa Serafín Pazo.

Por outro lado están as casas que, aínda que merecedoras de ser recollidas en dito catálogo, milagrosamente non o están, polo que se poden tirar na súa totalidade e non pasa nada, sexan ou non «históricas». E isto pode que sexa o que lle aconteza nas próximas semanas á do número 27 da rúa Calvo Sotelo (antes 20 da rúa de Riestra), onde ata hai pouco tempo estivo a librería Faro.

A casa pertenceu a Carmiña Brea e, segundo unha pequena placa de mármore que hai na fachada, data de 1888. Trátase dunha construción de planta baixa e dúas alturas que perdeu a carpintaría de madeira por unha de aluminio pero que conserva os trazos da arquitectura de finais do XIX dunha vila nacente como A Estrada.

Anuncio en «El Emigrado» (1932)

En tempos, o seu baixo acolleu a ferretería «El Candado», de Serafín Brea, e tamén serviu como almacén de bombonas de butano de Bastida.

A rúa na que se sitúa a casa data de mediados do século XIX e é o eixo vertebrador da vila. De aí que ata finais do século XIX fora coñecida como rúa Principal, á que lle seguiron os nomes de ‘Marqués de Riestra’, ‘Manuel Porto Verdura’ e, desde 1937, «Calvo Sotelo», denominación que incomprensiblemente pervive na actualidade.

Cartel da rúa Calvo Sotelo en 2019

Unha mágoa que a memoria viva dunha vila, visible nas súas construcións, sega a perderse en pleno século XXI por falta de sensibilidade e de protección.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *