Festival Atlántica 2019

Traballo no eido do patrimonio cultural, e estiven no Museo de Pontevedra, no MARCO de Vigo e en Etnoga, empresa que cofundei en 2005. Teño especial devoción polo acervo industrial e polo funerario, moitas veces esquecidos… Investiguei con profundidade a historia e o catálogo da fundición Pazó e tamén algúns cemiterios, como os declarados BIC, o de San Amaro de Pontevedra e o de Boisaca. Non narro historias, pero conto a historia (sobre todo da arte!). E igual por iso este ano me convidaron a participar no Festival Internacional de Narración Oral «Atlántica«, para contar historias de camposantos.

Cartaz

Houbo un tempo no que os cemiterios foron relegados a un segundo plano en favor das igrexas. Un tempo no que en Compostela, por exemplo, o «santo sitio» da Quintana andou exposto a toda clase de inmundicias, sendo profanado día e noite coa negociación de compras e vendas, algunhas veces con quimeras, coiteladas, efusión de sangue, actos indecentes, monicreques… un lugar franco a todo xénero de persoas e animais. Pero, que pasaba no resto de camposantos? Cales houbo antes de Boisaca? Pois o venres 15 de marzo contareino a partir das 18 horas en «Morte en Compostela». Un espectáculo de rúa que nos levará por diferentes escenarios, antigos recintos funerarios da cidade intra e extra muros.