Veterinario da Cañiza

Xunto á casa de peóns, na Cañiza tamén atopamos outra construción xenérica, neste caso para o tratamento do gando vacún. Está na carballeira do Cacharado, no centro do pobo, antigo campo da feira.

Construída en cantaría e formigón, posúe cuberta a dúas augas, na fachada principal posúe o característico pórtico con triple arcada de medio punto.

Na actualidade é propiedade municipal e acolle a coñecida como «Tasca da Carballeira», explotada mediante unha contrata nos meses de verán.

Casa de Peóns na Cañiza

Na Ponte de Aráns, nunha curva vella da estrada 531 da Cañiza, sitúase esta «Casilla de peones camineros». A construción segue a mesma estrutura que o resto de casas vistas ata o momento: planta rectangular dunha soa altura, cuberta a dúas augas, cantaría, fachada con porta principal flanqueada por dúas fiestras, vans remarcados e cartel no lintel co nome. As únicas diferencias son que non posúe recebo nin cheminea, e que na parte posterior ten un engadido para gardar material e maquinaria.