O antigo Colexio dos Xesuítas da Pasaxe

De Colexio de Xesuítas ao esquecemento e abandono,
pasando por Campo de Concentración

A mediados do século XIX, Juan Español López, deputado provincial, posuía unha enorme fortuna na Guarda grazas aos almacéns de importación e exportación que tiña no porto da Pasaxe, parroquia de Camposancos.

Tralo falecemento deste en 1854, herdará os negocios o seu fillo Domingo Español Cividanes, quen chegou a ser nesta década o alcalde máis mozo da historia da Guarda.

Anos despois, cara a 1875, chega ao concello o pai Tomás Gómez Carral, nado en 1837 en Cabezón de La Sal (Santander), quen ingresara na Compañía de Xesús en 1856. No ano da súa chegada, os Padres Xesuítas mercan por 60.000 pesetas os terreos e antigos almancés de Domingo Español, onde instalarán un colexio. Entre os numerosos alumnos que pasaron por este centro, destacan Ramón María Aller Ulloa e Antón Losada Diéguez.

No curso 1914-15, o Colexio Apóstolo Santiago quedou na cota mais baixa de alumnado, debido ás dificultades de comunicación existentes con Camposancos, polo que os Xesuítas deixan A Guarda e se instalan en Vigo, primeiro no edificio de La Molinera, baixo o nome de Colegio del Sagrado Corazón, e logo no complexo Bellavista, en Guixar.

Despois de abandonar o centro os xesuítas españois, serán os portugueses, expulsados de Portugal en 1910, quen merquen os bens sitos na Pasaxe, colexio e dependencias, ata 1932. Neste ano, o presidente da Segunda República, Manuel Azaña Díaz, publicou o Decreto de Disolución das Ordes Relixiosas, polo que os Cabaleiros de Cristo tiñan un prazo de sete días para deixalo, pasando a Portugal, onde abren varias residencias tras acollerse á Constitución Portuguesa de 1933. Antes da súa marcha, no curso 1928-29, o Goberno Español obrigounos a cambiar o nome do Colexio, daquela denominado Nun´ Alvres, pasando a denominalo Colexio de María Inmaculada.

En 1934, o edificio ía converterse en Hospital Psiquiátrico con Bibiano Fernández- Osorio Tafall á cabeza, malia que o proxecto non chegou a consolidarse.

Posteriormente, o 27 de xullo de 1936 as tropas de Franco entran na Guarda, incautándose de todas as instalacións do Colexio e creándose un Campo de Concentración, pechado de forma definitiva en 1941 , e procedendo á devolución oficial das instalacións do Colexio de María Inmaculada o 18 de setembro de 1941.

Durante a contenda, conviviron presos e xesuítas en distintas alas, pois os xesuítas conseguiran, coa súa insistencia, que lle devolvesen parte do edificio, que empregaron como residencia na que conviviron preto de corenta sacerdotes de media mentres durou a guerra civil.

No curso 1943-44, o colexio pasa a ser unha Escola Vocacional ou Seminario Menor San Francisco Javier, con 32 alumnos e sete padres xesuítas que dependían do Colexio Apóstolo Santiago de Bellavista, Vigo. Finalmente, en 1959 péchase o colexio, servindo como lugar de vacacións de verán de outros centros relixiosos.

Será a comezos do século XXI cando a memoria do esquencido edificio volve saír á luz trala aprobación do PXOM do concello da Guarda no que se incluía un proxecto de construción de 300 vivendas na Pasaxe de mans da firma Valery Karpin S. L. Pero, trala marcha do ruso para o seu país, o vendería? O tirarán igualmente? Ou será o paso do tempo quen o faga?