Muíño de Vento da Arousa

No Monte Pedrouzos da Illa de Arousa atópase outro muíño, pero de vento. Na actualidade está dentro dun recinto pechado, polo que só se deixa entrever a torre. Probablemente se tratara dun muíñofixo con cuberta xiratoria que, segundo algúns estudosos, se utilizaba cando o de mareas non funcionaba.
A única referencia histórica coñecida é a do dicionario Miñano, cando na entrada sobre Arousa recolle o seguinte «En esta isla hay … molinos harineros … y uno de viento muy útil para los pueblos del Grove y de la parte oriental de la ría».
Construído en cantaría, posúe planta cilíndrica e dúas alturas. Na baixa, por un dos lados ábrese unha porta, mentres que polo outro hai unha entrada cegada. Pola contra, na planta alta abríanse tres fiestras, malia que unha tamén está tapiada. Debaixo desta, un pequeno oco rompe o ritmo da apertura dos vans. En canto á teitume actual, é de supoñer que se trata dunha cuberta plana de formigón, pois vense pequenos canos aliviadorios.
Este muíño de vento, xunto cos de Catoira, Valga e A Guarda, conforman un bo exemplo desta tipoloxía na provincia de Pontevedra.
Extracto do artigo «Os muíños e a Illa de Arousa» publicado na revista Dorna en xullo de 2010.
Máis información:
BAS LÓPEZ, Begoña: Muíños de Marés e de Vento en Galicia. Fundación Pedro Barrié de la Maza, A Coruña 1991.
Interrogatorio do Catastro do Marqués da Ensenada

Muíño de Mareas das Aceñas

O Muíño das Aceñas emprázase no oeste da Illa de Arousa, na enseada da Brava, entre a Punta Quilme e a Punta Revello. A alusión máis antiga que se relaciona coa súa existencia data de 1681, recolléndose nun documento os topónimos «Camiño as Aceñas», «Mar das Aceñas» e «Lagoa das Aceñas». Estas notas toponímicas contrastan coa ausencia de referencias nos foros redactados en 1609, o que fai pensar que a súa construción tivo lugar entre ámbalas dúas datas. Corrobora esta datación a presencia de certos elementos construtivos, como é o caso de trabateis ou tornachoivas sobre vans. No século XIX atopamos novos testemuños documentais, dunha banda, no dicionario de Miñano, na entrada «Arosa» onde se indica que En esta isla hay … molinos harineros en favor de la marea …; e doutra, no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra do 7 de outubro de 1842, menciona un establecimiento de molinos de marea
 
 A auga das mareas que pon o muíño en funcionamento acumúlase nunha presa durante a preamar. Pero esta das Aceñas posúe unha particularidade, pois presenta tres zonas diferentes comunicadas entre si. No muro da principal, situado na parte final da enseada, atópase o edificio. As outras dúas estaban á súa beira, construíndose en época máis recente un valado de ladrillo entre a presa maior e unha das anexas para reaproveitar o espazo como criadeiro de marisco. O valo da primeira posuía dúas comportas de madeira cuxo espazo, na actualidade, está cegado con cachotes.
O edificio, construído en cantaría, posúe tres alturas e está cuberto con tella plana a dúas augas. O baixo dedícase aos elementos motores, mentres que na principal están aos muíños e na cuberta á vivenda, hoxe en desuso. No que respecta á planta terrea, o espazo interior dividíase á metade, con dúas moas en cada lado, das que só se conserva unha, xunto cun forno.
Era un muíño de maquía, no que o muiñeiro cobraba unha cunca de millo por cada ferrado que lle levaban a moer. Estivo en funcionamento até a década de 1980, sendo un dos últimos desta tipoloxía en activo.
En Galicia hai documentados un total de catorce muíños de mar, dos que curiosamente tres se atopan nesta ría. Así, xunto ao da Arousa, en Catoira está o do Machón, na desembocadura do río Ulla; e en Cambados o da Seca, entre as puntas de Tragove e Fefiñáns.

Extracto do artigo «Os muíños e a Illa de Arousa» publicado na revista Dorna en xullo de 2010.

Máis información:
BAS LÓPEZ, Begoña: Muíños de Marés e de Vento en Galicia. Fundación Pedro Barrié de la Maza, A Coruña 1991.
Interrogatorio do Catastro do Marqués da Ensenada