Tampa da Cova da Moura (Noia)

A Couva da Moura é unha anta situada na parroquia noiesa de Argalo. A estrutura megalítica componse de sete esteos na cámara e dous no corredor. Así, pertencería ao grupo de dolmens de cámara poligonal con tendencia circular, corredor curto e entrada estreita.

Cova da Moura (Argalo)

No verán de 1980 foi obxecto dunha intervención arqueolóxica dirixida por Carlos García Martínez. Nela atopáronse máis dunha ducia de puntas de frecha, machados, cerámica e mesmo un coitelo de sílex. Porén, xa naquela década non posuía a lousa cobertoira. Unha tampa sobre a que Murguía tiña dito que se atopaba nun lugar próximo. E curiosamente, a menos dun quilómetro podemos ver unha pedra chantada na entrada do CEIP Felipe de Castro da que a veciñanza afirma que se trata da tapa do tamén coñecido como Dolmen de Argalo.

Posible tampa da anta nun colexio próximo

Para máis información ver: AGRAFOXO PÉREZ, Xerardo: «Prehistoria e arqueoloxía da terra da Barbanza». Noia 1986.

Estación Rupestre das Barras (Rianxo)


Eucaliptos, xestas, toxos, carqueixas, liños do cuco e outras especies vexetais cobren os petroglifos da Estación Rupestre As Barras, en Rianxo.

Sitúase na parroquia de Santa María de Asados, no alto do Pelotiño (Pilotiño ou Pelotiña) a escasos metros da autovía do Barbanza e cunhas boas vistas da ría de Arousa. Para chegar a eles hai unha sinalización inicial da Mancomunidade Arousa Norte posto que, unha vez que comezas a seguila, comezas a perdela.
No lugar realizouse en agosto e setembro de 1992 unha prospección intesiva dos gravados rupestres, incluída dentro dun plan da Xunta e o concello de obtención dun catálogo exhaustivo de todos os xacementos situados no termo municipal de Rianxo. O resultado foi a localización e catalogación de 37 conxuntos de petroglifos.

Os motivos dos atopados no monte Pelotiña son, principalmente, círculos, zig-zags e cazoletas, sen que haxa evidencias de figuracións humanas ou animais.

Castelo da Lúa (Rianxo)


A Praia da Torre, a máis longa do concello de Rianxo, pertence a parroquia de Taragoña, e se sitúa na desembocadura do río Té. Aquí, desde a ponte de madeira que o atravesa, pódense ver os restos do Castelo da Lúa.

A construción foi levantada no século XIII por Paio Gómez Chariño, pasando a formar parte máis tarde da Orde Templaria e logo da Mitra Compostelana. Cara a 1465, foi derribado polos Irmandiños, reedificándoo posteriormente Suero de Soutomaior, aínda que en 1480 volve a ser derrubado polo gobernador real Fernando Acuña. Desde ese ano e ata 1532, as ruínas empregáronse como cárcere. Porén, a partir desa época, se comezan a expoliar a maior parte dos restos, empregándose pedras para construcións do contorno, como no campanario da Igrexa de Santa Comba de Rianxo en 1740, entre outros.

Os restos do castelo localízanse en 1999, tralas obras efectuadas con motivo da construción do paseo marítimo. Desde o 8 de agosto ata o de outubro de 2001, iniciáronse as escavacións do castelo, que continuarán en 2007 cun novo proceso de posta en valor no que a Consellaría de Cultura inverte 120.000 euros. Porén, a día de hoxe, as obras están sen rematar e boa parte dos restos do castelo están tapados ou semitapados cun plástico negro.