Noites Abertas 2019

Noites Abertas é un programa de ocio nocturno do Concello de Pontevedra que nesta edición de 2019 chega ao seu XX aniversario. Un proxecto que a pasada primavera obtivo o recoñecemento como «Boa práctica de xestión cultural» por parte da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural e a Deputación da Coruña.

Desde o día 25 de xaneiro e ata o 6 de abril desenvolveranse un total de 96 actividades para mozas e mozos de entre 12 e 30 anos de idade. Un amplo abano de actividades culturais, literarias, de lingua, musicais, deportivas, obradoiros de manualidades, talleres de cociña, teatro feminista, programación de videoxogos ou xincanas.

Cartel da actividade

Entre elas, e por cuarto ano consecutivo, o venres 22 de marzo estarei no cemiterio municipal de San Amaro con «Noite no Camposanto». Un paseo para poñer en valor unha parte do patrimonio cultural da cidade do Lérez e observar pequenos detalles máis visibles na noite. En definitiva, un percorrido histórico-artístico á luz das lanternas sen interromper o ambiente diario do recinto funerario.

A actividade precisa inscrición previa a través da web noitesabertas.gal. Xunto coa lanterna, tamén recomendamos levar roupa de abrigo e calzado cómodo. As persoas menores de idade deberán de ir acompañadas.