Casa dos Peóns Camiñeiros de Allariz

Na ourensana vila de Allariz atopamos á beira do río Arnoia, antes da ponte, unha pequena construción de pedra. Trátase dunha antiga casa de peóns camiñeiros, situada na estrada OU-320, moi similar a outras que veremos. No presente caso, trátase dunha construción de cantaría de dúas alturas e cuberta a dúas augas. Malia que é de pequenas dimensións, os dous pisos poden significar que a casa, ademais de servir para gardar o material dos camiñeiros, funcionaba como vivenda. Na actualidade está dedicada a Oficina Municpal de Turismo.

Baños de Cortegada (Cortegada – Ou)

O balneario de Baños de Cortegada fúndase en 1937 no sur da comarca ourensá do Ribeiro. O edificio, de estilo ecléctico, situábase nun alto promontorio sobre o río Miño. Sen embargo, trala construción do Encoro de Frieira na década dos 60, a casa de baños quedou á mesma altura que a presa. A burga, rica en xofre e ferro, chega a acadar temperaturas de ata 40º.