Hórreo de Araño (Rianxo)


Popularmente dise que o hórreo de Carnota é o máis grande de Galiza, entendendo grande por lonxitude, non por capacidade. Así, sobre esta afirmación habería que aclarar dúas cousas. Por unha banda, que no concello de Carnota hai dous hórreos de gran lonxitude. Un atópase na parroquia de Santa María de Lira e mide 35 metros; mentres que o outro está en Santa Comba de Carnota e ten uns centímetros 34,76 metros.
Por outra banda, dicir que o hórreo de maior lonxitude atópase en Santa Baia do Araño, no concello de Rianxo. Igual que os outros dous exemplos carnotáns, sitúanse no contorno das igrexas parroquiais. Datado a mediados do século XVII, mide 37,05 metros de lonxitude, 2,40 de largo, 2,70 de alto e case 170 metros cúbicos de capacidade.

Estación Rupestre das Barras (Rianxo)


Eucaliptos, xestas, toxos, carqueixas, liños do cuco e outras especies vexetais cobren os petroglifos da Estación Rupestre As Barras, en Rianxo.

Sitúase na parroquia de Santa María de Asados, no alto do Pelotiño (Pilotiño ou Pelotiña) a escasos metros da autovía do Barbanza e cunhas boas vistas da ría de Arousa. Para chegar a eles hai unha sinalización inicial da Mancomunidade Arousa Norte posto que, unha vez que comezas a seguila, comezas a perdela.
No lugar realizouse en agosto e setembro de 1992 unha prospección intesiva dos gravados rupestres, incluída dentro dun plan da Xunta e o concello de obtención dun catálogo exhaustivo de todos os xacementos situados no termo municipal de Rianxo. O resultado foi a localización e catalogación de 37 conxuntos de petroglifos.

Os motivos dos atopados no monte Pelotiña son, principalmente, círculos, zig-zags e cazoletas, sen que haxa evidencias de figuracións humanas ou animais.

Castelo da Lúa (Rianxo)


A Praia da Torre, a máis longa do concello de Rianxo, pertence a parroquia de Taragoña, e se sitúa na desembocadura do río Té. Aquí, desde a ponte de madeira que o atravesa, pódense ver os restos do Castelo da Lúa.

A construción foi levantada no século XIII por Paio Gómez Chariño, pasando a formar parte máis tarde da Orde Templaria e logo da Mitra Compostelana. Cara a 1465, foi derribado polos Irmandiños, reedificándoo posteriormente Suero de Soutomaior, aínda que en 1480 volve a ser derrubado polo gobernador real Fernando Acuña. Desde ese ano e ata 1532, as ruínas empregáronse como cárcere. Porén, a partir desa época, se comezan a expoliar a maior parte dos restos, empregándose pedras para construcións do contorno, como no campanario da Igrexa de Santa Comba de Rianxo en 1740, entre outros.

Os restos do castelo localízanse en 1999, tralas obras efectuadas con motivo da construción do paseo marítimo. Desde o 8 de agosto ata o de outubro de 2001, iniciáronse as escavacións do castelo, que continuarán en 2007 cun novo proceso de posta en valor no que a Consellaría de Cultura inverte 120.000 euros. Porén, a día de hoxe, as obras están sen rematar e boa parte dos restos do castelo están tapados ou semitapados cun plástico negro.