Festival Atlántica 2019

Traballo no eido do patrimonio cultural, e estiven no Museo de Pontevedra, no MARCO de Vigo e en Etnoga, empresa que cofundei en 2005. Teño especial devoción polo acervo industrial e polo funerario, moitas veces esquecidos… Investiguei con profundidade a historia e o catálogo da fundición Pazó e tamén algúns cemiterios, como os declarados BIC, o de San Amaro de Pontevedra e o de Boisaca. Non narro historias, pero conto a historia (sobre todo da arte!). E igual por iso este ano me convidaron a participar no Festival Internacional de Narración Oral «Atlántica«, para contar historias de camposantos.

Cartaz

Houbo un tempo no que os cemiterios foron relegados a un segundo plano en favor das igrexas. Un tempo no que en Compostela, por exemplo, o «santo sitio» da Quintana andou exposto a toda clase de inmundicias, sendo profanado día e noite coa negociación de compras e vendas, algunhas veces con quimeras, coiteladas, efusión de sangue, actos indecentes, monicreques… un lugar franco a todo xénero de persoas e animais. Pero, que pasaba no resto de camposantos? Cales houbo antes de Boisaca? Pois o venres 15 de marzo contareino a partir das 18 horas en «Morte en Compostela». Un espectáculo de rúa que nos levará por diferentes escenarios, antigos recintos funerarios da cidade intra e extra muros.

Casa de Peóns na Barcia (Laraño – Santiago)

No punto quilométrico 1 da AC-543 Santiago – Noia érguese, na marxe dereita, unha casa de peóns camiñeiros. Trátase dunha pequena construción de cantaría de planta baixa e cuberta a dúas augas. A fachada organízase a través de tres vans: unha porta flanqueada por dúas fiestras. No tellado álzanse simetricamente dúas chemineas nas esquinas. O esquema é semellante á casa da Susana e á que veremos de Noia. Ademais, ao igual que a da Susana, aínda está en uso.

Casa dos Peóns na Gándara (ou na Susana)


Na mesma estrada N550 na que estaba a casa dos péons de Vedra, e a pouco máis de 6 quilómetros dirección Santiago, atópase outra construción da mesma tipoloxía. Érguese nunha encrucillada entre dita nacional e a comarcal 8203, na Gándara. Sitúase nos lindes de Sergude (Boqueixón) e San Fins de Sales (Vedra) con Marrozos (Santiago de Compostela), polo que popularmente, por mor da sinalización vertical de indicación de lugar, pénsase que aínda é A Susana.


Detalle da portada e unha vista da casa co Pico Sacro ao fondo

A edificación, de planta cuadrangular, consta de baixo é esta cuberta a dúas augas. A diferencia das outras casas de peóns vistas, neste caso érguense dúas chemineas a cada lado do tellado. Ademais, aínda está en uso como Centro de Conservación e Explotación de Estradas do Ministerio de Fomento.

O adeus definitivo de Cuétara (Santiago)

Santiago sempre cheo de obras! Se entrades na cidade pola antiga estrada do aeroporto, veredes como estos días están a tirar a antiga nave de Galletas Cuétara de San Lázaro. Para moitos poida que sexa un referente, doce ou visual, pese a levar dez anos abandonada ou, polo menos, de baixa no Rexistro Sanitario de Alimentos.

Agora, toda a zona, máis de 75.000 metros cadrados, pasará a estar ocupada polo novo polígono de vivendas A Muíña, aínda que para a execución do proxecto non tiraron só a nave de Cuétara, xa que parece que van derrubar algunha que outra casa.