Castelo da Lúa (Rianxo)


A Praia da Torre, a máis longa do concello de Rianxo, pertence a parroquia de Taragoña, e se sitúa na desembocadura do río Té. Aquí, desde a ponte de madeira que o atravesa, pódense ver os restos do Castelo da Lúa.

A construción foi levantada no século XIII por Paio Gómez Chariño, pasando a formar parte máis tarde da Orde Templaria e logo da Mitra Compostelana. Cara a 1465, foi derribado polos Irmandiños, reedificándoo posteriormente Suero de Soutomaior, aínda que en 1480 volve a ser derrubado polo gobernador real Fernando Acuña. Desde ese ano e ata 1532, as ruínas empregáronse como cárcere. Porén, a partir desa época, se comezan a expoliar a maior parte dos restos, empregándose pedras para construcións do contorno, como no campanario da Igrexa de Santa Comba de Rianxo en 1740, entre outros.

Os restos do castelo localízanse en 1999, tralas obras efectuadas con motivo da construción do paseo marítimo. Desde o 8 de agosto ata o de outubro de 2001, iniciáronse as escavacións do castelo, que continuarán en 2007 cun novo proceso de posta en valor no que a Consellaría de Cultura inverte 120.000 euros. Porén, a día de hoxe, as obras están sen rematar e boa parte dos restos do castelo están tapados ou semitapados cun plástico negro.

Cabo Vilán


O Cabo Vilán sitúase no concello de Camariñas, na Costa da Morte. O enclave, declarado en 1933 Sitio Natural de Interese Nacional, encóntrase moi alterado por mor da existencia dun parque eólico e dunha planta acuícola .


En 1992, Enel Unión Fenosa Renovables pon en servizo o parque eólico de Cabo Vilán, con trece aeroxeneradores e cunha potencia total instalada de 16,9 MW desde 2003.


A planta acuícola, aberta desde 2005, pertence a Stolt Sea Farm, unha filial da multinacional luxemburguesa Stolt-Nielsen S.A., empresa con sede central en Rotterdam (Holanda). En 1983, a compañía adquieren criadeiros en Francia e España, comezando a apostar a principio dos anos 90 pola produción de rodaballo Prodemar, feito que provoca a compra de varias granxas en Galiza e Portugal. Asi, a finais do decenio, inauguran unha planta en Lira (Carnota), a maior planta do mundo de rodaballo, ata a apertura da de Cabo Vilán.

O proxecto de execución do antigo faro de Cabo Vilán foi aprobado pola Comisión de Faros con data de 22 de Octubre de 1852, encendéndose por primeira vez o 10 de xullo de 1854. Era un faro de cuarto orden, alimentado con aceite, cunha luz que acadaba as 10 millas. Porén, esta non salvaba a parte máis alta do Cabo, producíndose un ángulo cego. As problemáticas penedas se dinamitan, reducíndose o ángulo cego, pero sen chegar a evitarse de todo. Así, en 1877, realízase unha nova reforma, ampliando a altura da torre e colocando unha nova lámpada, polo que se decide a construción dun novo faro que, en 1882, decídese que se construirá no propio cabo, aprobando o proxecto en xullo de 1888. Porén, antes da súa construción, en 1890, o navío inglés Serpent afúndese preto do cabo por mor dun temporal, perecendo 173 homes, cuxos restos mortais descansan no Cemiterio dos Ingleses, a escasa distancia do faro Vilán.


O actual faro levántase en 1896 sobre unha formación rochosa de máis de 100 metros de alto. Unido ao edificio do persoal por un túnel, é un faro de tipo eléctrico, o máis antigo de España, cuxo canón de luz acada as 28 millas. Ademais, na actualidade, é un dos poucos faros que quedan habitados en Galiza, xunto co de Ons e Sálvora.