De microondas a buzón

A inexistencia de puntos limpos e as deficiencias na recollida do lixo nas aldeas, provocaron a creación de vertedoiros incontrolados. Pero tamén orixinaron unha corrente de reutilización de aparellos inservibles con outros usos. En ocasións son colocados de forma máis afortunada e noutras menos, pero nunca deixará de resultar un feito curioso.

O exemplo desta entrada é o dun vello microondas, ou non tan vello, marca sanyo, que alguén colocou no poste da liña eléctrica. Quizais para recoller o pan ou o xornal. Quen sabe!

O adeus definitivo de Cuétara (Santiago)

Santiago sempre cheo de obras! Se entrades na cidade pola antiga estrada do aeroporto, veredes como estos días están a tirar a antiga nave de Galletas Cuétara de San Lázaro. Para moitos poida que sexa un referente, doce ou visual, pese a levar dez anos abandonada ou, polo menos, de baixa no Rexistro Sanitario de Alimentos.

Agora, toda a zona, máis de 75.000 metros cadrados, pasará a estar ocupada polo novo polígono de vivendas A Muíña, aínda que para a execución do proxecto non tiraron só a nave de Cuétara, xa que parece que van derrubar algunha que outra casa.