Veterinario no Foxo (Ancorados – A Estrada)

O Centro de Inseminación do Foxo repite o mesmo esquema construtivo dos veterinarios xa vistos en Alfoz, Cervo e Portas. No mesmo estado de abandono que este último, o característico desta edificación é que conserva no lateral leste o topónimo castelanizado, xunto cos datos do Ministerio e da Dirección Xeral que a promoveron nos anos 60 do século XX. Resulta tamén significativa a súa situación, próxima á desaparecida báscula para o gando tan usada nas afamadas feiras do lugar, en decadencia desde mediados dos ’40.

Veterinario en San Bieito (Lantaño – Portas)

Na provincia de Pontevedra volvemos a atopar pequenas edificacións dedicadas a Centros Secundarios de Inseminación Artificial Gandeira similares aos vistos en Lugo. A de Portas sitúase moi próxima á estrada (PO-8004), no lugar de San Bieito, afamado pola súa romaría. O esquema construtivo repite a planta cuadrangular, unha altura, cuberta a dúas augas e pórtico na fachada principal con arcadas de medio punto. O seu estado de conservación non é bo, afectado máis polo vandalismo que polo desuso e o abandono.

Casa de Peóns na Barcia (Laraño – Santiago)

No punto quilométrico 1 da AC-543 Santiago – Noia érguese, na marxe dereita, unha casa de peóns camiñeiros. Trátase dunha pequena construción de cantaría de planta baixa e cuberta a dúas augas. A fachada organízase a través de tres vans: unha porta flanqueada por dúas fiestras. No tellado álzanse simetricamente dúas chemineas nas esquinas. O esquema é semellante á casa da Susana e á que veremos de Noia. Ademais, ao igual que a da Susana, aínda está en uso.