Casa de Peóns de Sarandós (Abegondo)

Nunha pequena vía de apenas 5 quilómetros, a estrada AC-222, sitúase unha casa de legoeiros de Abegondo. O lugar aparece no topográfico denominado como «A Casilla», topónimo que pode facer referencia a esta tipoloxía de vivendas-almacéns.

Construída en cachotaría e revestida salvo os marcos dos vans, está tellada a dúas augas con uralita. Nun dos lados da cuberta érguese unha cheminea de ladrillo, con restos de recebo. O estado de conservación non é bo, estando afectada por uns castiñeiros que se lle botan enriba.

Casa de Peóns en Acea de Ama (Culleredo)

Á altura do quilómetro 2 da estrada comarcal AC-211 érguese unha casa de peóns do concello de Culleredo. De planta cuadrangular e cunha superficie aproximada de 240 m2, repite o esquema construtivo doutras xa vistas. Así, na fachada principal só se abren tres vans nos que a pedra queda á vista. Como único elemento salientable, enriba da porta disponse unha lousa na que se pode ler «PEONES CAMINEROS». En canto ás fachadas laterais, ábrense dous ocos en cada unha, un na planta e outro no baixo cuberta. Esta casa de Acea de Ama posúe un pequeno terreo ao redor, así como un engadido na fachada posterior.