Veterinario de Gondomar

Grazas ás redes sociais e á axuda de Google Street View descubrín unha nova construción en Gondomar que responde á tipoloxía dos «veterinarios». Ademais, pola súa situación, nunha carballeira e antiga feira, encaixa con outras das obras xa vistas.

Na actualidade, este antigo centro de inseminación alberga a Oficina de Turismo do Concello de Gondomar. O edificio, no exterior, presenta unha tripla arcada a modo de pórtico. Neste sitúase a entrada e abrense dous vans, igual que nos laterais. Pola contra, na fachada posterior posúe un engadido, probablemente froito da restauración.

Á falta dunha visita a Gondomar, as fotos que aquí poño proceden da páxina de facebook da Oficina de Turismo.

Muíño de Vento da Arousa

No Monte Pedrouzos da Illa de Arousa atópase outro muíño, pero de vento. Na actualidade está dentro dun recinto pechado, polo que só se deixa entrever a torre. Probablemente se tratara dun muíñofixo con cuberta xiratoria que, segundo algúns estudosos, se utilizaba cando o de mareas non funcionaba.
A única referencia histórica coñecida é a do dicionario Miñano, cando na entrada sobre Arousa recolle o seguinte «En esta isla hay … molinos harineros … y uno de viento muy útil para los pueblos del Grove y de la parte oriental de la ría».
Construído en cantaría, posúe planta cilíndrica e dúas alturas. Na baixa, por un dos lados ábrese unha porta, mentres que polo outro hai unha entrada cegada. Pola contra, na planta alta abríanse tres fiestras, malia que unha tamén está tapiada. Debaixo desta, un pequeno oco rompe o ritmo da apertura dos vans. En canto á teitume actual, é de supoñer que se trata dunha cuberta plana de formigón, pois vense pequenos canos aliviadorios.
Este muíño de vento, xunto cos de Catoira, Valga e A Guarda, conforman un bo exemplo desta tipoloxía na provincia de Pontevedra.
Extracto do artigo «Os muíños e a Illa de Arousa» publicado na revista Dorna en xullo de 2010.
Máis información:
BAS LÓPEZ, Begoña: Muíños de Marés e de Vento en Galicia. Fundación Pedro Barrié de la Maza, A Coruña 1991.
Interrogatorio do Catastro do Marqués da Ensenada