Gharlopinha

Coa nova presentación do blog, Gharlopinha e o seu porqué quedan máis ocultos. Por iso, con esta entrada de fin de ano tratarei de explicalo, agardando que no 2014 haxa publicacións de maneira máis habitual!

Instrumental de carpinteiro segundo Xocas

Neta de carpinteiro, recordo a «caseta» do abuelo chea de martillos, gharlopas, sepillos, berberiquís e trenchas. Xunto ás ferramentas, un sen fin de latas de bonito dun quilo de Atunsa e pandeiretas de sardiñas de Escurís espallábanse polas baldas organizando puntas, cravos e arandelas. E certo é que unha base importante da nosa arquitectura foron os carpinteiros, que onda outros profesionais, teceron ao longo dos séculos a armazón do noso patrimonio. Homes, e en menor medida mulleres, cuxos nomes permaneceron no anonimato. E ben seguro que desde a Prehistoria non houbo unha obra neste país na que a madeira non fixera falta!

O etnógrafo Xaquín Lorenzo, Xocas, na monografía sobre os oficios, di do de carpinteiro que foi un dos que máis desenvolvemento tivo grazas á riqueza forestal. Así mesmo, diferencia varias especialidades: os de ribeira, fragueiros, cubeiros, zoqueiros, torneiros, ebanistas, os de armar e os de taller, como o meu avó. A súa «caseta», como tamén denomina Xocas, está ao carón da casa e nela non pode faltar nin o banco nin o «instrumental» que recolle na ilustración que aquí reproduzo, e da que destaco as seguintes ferramentas:

Garlopa: a que dá nome ao blog é, segundo a RAG, unha «ferramenta do carpinteiro máis longa ca o cepillo e con puño, que serve para labrar ou tornar lisas as superficies de madeira»; mentres que Estraviz a define como «plaina grande de carpinteiro para alisar mais a madeira já desbastada».

Cepillo: utensilio de madeira de forma alongada, que leva incrustada, atravesándoo, unha coitela, empregado en carpintaría para quitarlle pequenas láminas á madeira e tornala lisa (RAG); instrumento de carpintaria, pequena plaina com que se alisa a madeira (Estraviz).
Berbequí: aparello constituído por unha manivela dobrada en dous cóbados, en forma de asa, cunha barrena no extremo inferior, utilizado en carpintaría para facer furados na madeira (RAG); espécie de barrena para furar madeira, metal, pedra ou louça (Estraviz).

Madeira: materia compacta e dura que está debaixo da casca das árbores e doutras plantas (RAG); parte lenhosa, compacta e dura do tronco, da raiz e das ramas das plantas ou tábuas, vigas, etc., empregadas em trabalhos de carpintaria (Estraviz). 

Serraduras: conxunto de partículas que se deprenden dunha materia ao serrala (RAG); serrim, pó que cai de qualquer madeira que se serra (Estraviz).

Garlopas, cepillos, trencha e outras ferramentas do(s) avó(s) Ramiro(s)

Por isto, a pretensión deste blog era, e segue sendo, a de poñer en valor o traballo de diferentes profesionais, amosando acertos e fallos que xiran en torno ao noso patrimonio e á nosa cultura. Cabezas de boa madeira para construír, pero tamén miolos cheos de serraduras para destruír.

Canleiros de Marcón (Pontevedra)

En Valadares, na «Casa do Outeiro», consérvase un impresionante acueduto coñecido co nome de «Os Canleiros». Trátase dun sistema de levada por medio dunha canalización de pedra e varios sifóns. A auga que corría pola canle empregábase para regar, para dar de comer ao gando e para uso doméstico, principalmente lavar e cociñar.

Un importante complexo hidráulico dunha casa grande na que se conserva documentación do XVII. Así, malia non conservar datos sobre a construción do canleiro, poderiámolo situar entre este século e seguinte, da mesmo maneira que o resto de edificacións que hai no conxunto etnográfico.
Cunha lonxitude duns 90 metros, a canalización atravesa a finca próxima á casa erguida sobre soportes de pedra a modo de piares. Desde aquí, adéntrase na eira como mesmo sistema de canle seguido de varios sifóns para dotar de auga á adega, á vivenda e ao lavadoiro.

P.D. Tanto as covas dos canteiros de Tomeza da entrada anterior coma estes canleiros de Marcón, co conxunto da Casa do Outeiro, coñecinos grazas a un dos roteiros polo patrimonio rural de Pontevedra organizados polo concello e realizado no mes de outubro.

Chozo de canteiros en Tomeza (Pontevedra)

Cruceiro homenaxe aos canterios
As terras de Pontevedra foron terras de grandes canteiros. Parroquias como Mourente ou Tomeza dan boa conta delo. Nesta última, un dos de maior sona foi o mestre Daniel, a quen se lle deben obras como as escaleiras da casa do concello de Pontevedra ou o cruceiro de San Xoán de Poio.
Un traballo que desenvolveron no só homes, senón tamén mulleres, quen picaban a pedra miúda que logo sería utilizada para facer estradas.
Como testemuño das horas que pasaban xunto á canteira quedan na zona unhas pequenas construcións coñecidas co nome de «covas» ou «chozos». Utilizadas para resgardarse das inclemencias do tempo, tamén se usaban para descansar e comer.
Este chozo sitúase no monte de San Cibrán e daba servizo a traballadores da Canteira do Carrelo. Xunto a este exemplo, na zona consérvanse outros dous sobre os que se pode ler máis información na web do proxecto toponímico do Concello de Pontevedra «Chamámonos así».

Chozo ou cova de canteiros en Tomeza
Restos dunha canteira