A Alameda da Estrada

O concello con plantas diante

A finais do século XIX, en moitas vilas e cidades galegas construíronse alamedas como unha das medidas adoptadas dentro de políticas hixienistas. Pulmóns verdes para o ocio e o lecer dotados con bancos, palcos para a banda de música e fontes.

No caso da Estrada, a alameda comeza a xurdir despois de 1916, cando se axardinan zonas do contorno do consistorio recén inaugurado. Nun primeiro momento, e seguindo a Arca Caldas, plantáronse diversas especies na praza da fachada principal, sobre todo acacias, nun xardín que seguía ata a liña da rúa Justo Martínez. Despois de 1925, en plena febre do verme da seda, realizouse unha plantación de moreiras na parte posterior do edificio. Anos máis tarde proxéctase a construción do parque como tal, trasladando ao lado norte do concello os parterres que había diante e instalando o palco da música.

Paseo central

En xuño de 1953, nun especial sobre as festas publicado en ‘El Pueblo Gallego’, o fiscal municipal Francisco Luaces Gil escribiu unha crónica de opinión sobre os xardíns municipais. Nela expresaba que o pobo podía, e debía, aspirar a un parque máis grandioso e superior ao actual.

Pouco tempo despois parece que esa «superioridade» se conseguiu, pois na ortofoto do voo americano de 1956 xa se observa que o aspecto e tamaño que ocupaba nesa época era similar ao que tivo ata hai unhas semanas.

Estanque

Unha das primeiras intervecións que se acometeron na alameda foi en 1962 e consistiu no cambio dalgunhas das árbores máis vellas por outras de sombra , así como no adecentamento do quiosco-bar, da paxareira e das farolas. Como curiosidade, na nova na que se recolle esta información tamén se sinalaba que acababan de plantar un cento de plátanos no Estadio Municipal, recinto que na actualidade tampouco se conserva.

Aínda que eu non me criei na vila, lembro como co paso dos anos foi cambiando o seu aspecto. E ben seguro que ninguén esquece as gaiolas do peche ou o estanque de ocas e parrulos.

Agora veñen tempos novos. E para facer un pouco de memoria, estamos a subir ás redes sociais fotos da alameda e da praza do concello coa etiqueta #alamedadaestrada. Se subides algunha imaxe e tedes o voso perfil privado, podedes poñela pública para que chegue a máis xente. Tamén estaría ben aportar toda a información que saibamos: data, autoría, persoas que saen (se saen)… E que bonito facer unha exposición como a que se fixo en Pontevedra das Palmeiras!

[As primeiras imaxes son do fondo fotográfico do Museo do Pobo Estradense «Manuel Reimóndez Portela», da colección Terita Varela e Lolo Casagrande. As dúas últimas -entrada e peche lateral- son do meu pai, Ramiro Sánchez García, de finais dos anos 80].